O concello conta cunha boa infraestructura, tanto no nivel cultural como de ocio. Podemos destacar, dentro do primeiro tipo dos mencionados, o auditorio, que acolle numerosos actos durante todo o ano (representacións teatrais, concertos, exposicións fotográficas e de pintura, etc.).
Saíndo da vila e collendo cara ás Pontes, atopámonos coa charca do Alligal, na parroquia de Codesido (lindando coa de Santaballa). Nela manan augas medicinais, razón pola cal se trata dunha paraxe moi concorrida no verán. Numerosas lendas están vencelladas a este lugar, e a maior parte delas fala dos poderes curativos destas augas para aquelas doenzas relacionadas coa pel e coa reuma.
Indo cara a Muras pódense visitar as queixerías da parroquia de San Simón. Neste traxecto é posible acceder ó monte de Monseiván, pertencente á serra da Carba que integra, xunto coas do Xistral e o Cordal de Ousá e Neda, o conxunto de cordais montañosos que rodean e conforman a nosa comarca natural. Este monte configúrase como un dos miradores naturais que nos ofrece unha excepcional panorámica da comarca da Terra Chá. Ó abrigo desta serra habitan vacas e cabalos salvaxes. Coñecidos son os famosos curros que se realizan na época da rapa das bestas para liberar de pelo e marcar os animais.
Nesta riqueza paisaxística, a auga constitúe unha constante vital. Numerosas fontes mananciais, que logo forman regatos e ríos, fan da auga unha das principais riquezas de Vilalba e da comarca. Á beira dos ríos medra unha vexetación característica conformada predominantemente por amieiros, bidueiras e salgueiros. A riqueza piscícola destes ríos fai deles un lugar de reunión de afeccionados ó deporte da pesca da troita.